lunes, 9 de septiembre de 2013

Isto podería ser (ou non) Reflektor, o novo de Arcade Fire


Empezou como un rumor. Logo outro rumor veu asegurar que a filtración era falsa, para rematar un rumor de Pitchfork confirmando que era lexítima. Cómpre, por tanto, sermos prudentes, pois semella factíbel que nas próximas horas apareza outro rumor dicindo que é todo unha broma de mal gusto. Porén, até onde sabemos a estas horas, isto é o primeiro, misterioso e desconcertante adianto do novo traballo de Arcade Fire que a rede está titulando Reflektor, mais non temos certeza ningunha que ese sexa o título real do sinxelo; de feito, e para complicar máis o asunto, ven de se filtrar unha suposta lista de cancións do álbum e ningunha leva por título Reflektor. É dicir, en resumidas contas, non sabemos nada.

Que xulgue o lector. O que sabemos é que o tema é moito tema cuantitativamente falando (sete minutos), non tanto atendendo a criterios cualitativos (aínda que a discusión está servida) e decididamente bailábel e sorprendente. E, por se fose pouco, parece ser que, se prestamos atención, podemos escoitar a David Bowie nos coros.
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario