viernes, 9 de agosto de 2013

Un mes para o novo de Arctic Monkeys. Repasamos a súa traxectoria

No Nadal de 2001, mentres en Estados Unidos The Strokes se dedicaban a salvar o rock con Is This It, Yann Tiersen triunfaba coa banda sonora da infame Amélie e Oasis lembraba tempos mellores co seu recompilatorio Only Hits, dous veciños de Sheffield abrían os seus presentes, como facía o resto da cidade e, con certeza, o resto do Reino Unido e boa parte do mundo occidental. Facíano con moderada sorpresa, apenas moderada, pois Santa Claws fora conservador ese ano e deixara na casa dos Cook e os Turner, como pediran, cadansúa guitarra eléctrica.

Sheffield viña de sobrevivir, como o resto do planeta, ao Efecto 2000. Os cada día máis abundantes computadores dos habitantes de Sheffield conectábanse cada día con máis frecuencia a Internet, boa parte deles na procura música. O comezo da década foi o da popularización de Napster e o mp3 e o nacemento de MySpace. Aínda que xa daquela –especialmente daquela– a industria musical cargaba fortemente contra as descargas ilegais e o P2P, o intercambio de ficheiros foi chave no vertixinoso suceso da banda de Alex e Jamie á que xa boa parte dos sheffielders coñecían como Arctic Monkeys.

De MySpace a Reading, Leeds e Astoria


Cando a banda deu o seu primeiro concerto, en xuño de 2003, a voz que escoitaron os asistentes a The Grapes non foi a de Alex Turner, que daquela era tímido de máis para coller o micro, senón a de Glyn Jones, o efímero cantante da banda que logo abandonou o barco. Despois dos concertos, a banda aproveitaba para repartir o seu primeiro EP, Five minutes with Arctic Monkeys que os fans se encargaban de subir á rede e compartir. «Non sabiamos nin que era MySpace», confesaría máis tarde a banda recoñecéndolle á rede social o importante papel que tivo no suceso de Arctic Monkeys. En 2005 acabarían tocando en Reading & Leeds e en outubro do mesmo ano vendían todas as entradas para o seu concerto na londinense sala Astoria. Sen editar aínda álbum ningún e con todo por demostrar, Arctic Monkeys apuntaban alto.
Don't believe the hype

Whatever People Say I Am, That's What I'm Not

O título do primeiro traballo en longo de Arctic Monkeys era en sí mesmo unha declaración de principios: Whatever People Say I Am, That's What I'm Not. Con todo, o certo é que o debut era exactamente o que se esperaba dos primeiros Monkeys: rock acelerado, hiperactivo e adolescente, mais o título veu cobrando sentido co paso dos anos; como veremos, hoxe Arctic Monkeys son todo o contrario do que en 2005 podíamos imaxinar, pero xa falaremos diso.

Whatever People Say I Am, That's What I'm Not foi no seu momento o debut máis vendido da historia do Reino Unido. Aínda que se esperaba para o 30 de xaneiro de 2006, o álbum terminou por chegar unha semana antes debido á «alta demanda». Como era de esperar, o debut foi un éxito en canto a vendas (o debut máis rapidamente vendido do Reino Unido, número un en Inglaterra, Irlanda e Australia, o segundo disco indie máis exitoso de Estados Unidos) e en canto a críticas (5º mellor álbum británico da historia para NME, disco do ano para varios medios, gañador dun Mercury Prize). Malia formar parte dun estilo –o post-punk revival– bastante gastado e criticado, Whatever People Say I Am, That's What I'm Not é un clásico do rock contemporáneo e da música británica, un traballo brillante. Todo, desde The View From The Afternoon até A Certain Romance son éxitos enormemente recomendables: I Bet You Look God on the Dancefloor, Still Take You Home, When the Sun Goes Down, Mardy Bum... Pouco máis de media hora de excelente rock.

Favourite Worst Nightmare

Favourite Worst Nightmare foi un leve achegamento ao pop cando non á psicodelia. Resulta especialmente visible desde o presente, ollando o seguinte álbum, o deliberadamente, agora si, psicodélico Humbug. Desde logo, Arctic Monkeys seguen a ser en Favourite Worst Nightmare unha banda de rock (Brianstorm, Balaclava) mais os achegamentos ao pop (Teddy Picker, Fluorescent Adolescent, 505) son evidentes.

O traballo, lanzado o 18 de abril de 2007, foi de novo enormemente exitoso: 200.000 copias vendidas nunha semana, número 1 en Reino Unido, excelentes críticas. Con Favourite Worst Nightmare Arctic Monkeys afastábanse do post-punk para non volver. Os deste traballo serían os últimos temas acelerados que lles escoitaríamos aos Monkeys, con contadas excepcións no futuro (Pretty Visitors, R U Mine?). Arctic Monkeys achegábanse ás terras do pop acústico e o rock pesado.

Humbug

Despois de dous discos e varios EPs entre 2006 e 2007, que o terceiro traballo da banda, Humbug, se fixera esperar dous anos foi o primeiro dos varios síntomas de ruptura co pasado. Humbug, lanzado o 19 de agosto 2009, foi gravado lonxe de Sheffield, fundamentalmente no estadounidense deserto de Mojave,  e producido por Josh Homme e James Ford.

En Humbug hai leves achegamentos ao rock denso que máis adiante profesaría a banda (Dangerous Animals), ao pop intimista (Secret Door, Cornerstone), ao punk dos comezos (Pretty Visitors) e, desde logo, á psicodelia (Potion Approaching, Fire and the Thud e nomeadamente a extraordinaria Dance Little Liar). 

Humbug é para moitos un disco de transición, xa que nel se atopan referencias ao rock dos comezos mais tamén boa parte dos ingredientes dos Arctic Monkeys de hoxe en día. Neste traballo Alex Turner explora novos rexistros vocais –canta definitivamente mellor– e a banda incorporaba por vez primeira novos instrumentos –un teclado que chegaron a empregar nos seus directos. En 2009 Arctic Monkeys xa eran unha banda de xiras mundiais, cabezas de cartaz en festivais e cheo absoluto en estadios do Reino Unido. Con tres discos.

Suck It and See

O 4 de marzo de 2011 sen aviso previo aparecía na web dos Monkeys un tema, Brick by Brick, que intuímos –acertadamente– adianto do cuarto álbum. O tema era bastante peculiar sobre todo porque a voz principal non era a de Turner, como adoita, senón a de Matt Helders, o batería. Pouco tempo despois a banda confirmaba o título do álbum, Suck It and See, e a data de lanzamento, o 6 de xuño de 2011. Uns días máis tarde chegaba o oficialmente primeiro single do álbum, Don't Sit Down 'Cause I've Moved Your Chair, que viña confirmar, aparentemente,  a aposta dos Monkeys polo stoner rock. Tanto Brick by Brick coma Don't Sit Down 'Cause I've Moved Your Chair son temas duros, de guitarras afiadas e potente percusión, mais o certo é que Suck It and See terminou por ser un álbum afastado do rock duro, de pop melódico, amable, aperturista e luminoso (Suck It and See, Reckless Serenade, She's Thunderstorms).



Producido por James Ford, coma o anterior, e gravado en Los Ángeles, coma o anterior, Suck It and See recibiu unha moi boa acollida por parte da crítica (mellor disco do ano para Mojo, 7,2 en Metascore). Malia o éxito deste, as caras B dos singles de Suck It and See non explotaban o son pop do disco; Evil Twin ou You and I, caras B de Suck It and See (single) e Black Treacle, respectivamente, experimentaban cun son moito menos amable que o do álbum, poñendo os alicerces para o que viría a continuación.

AM

O 27 de febreiro de 2012, cando Suck It and See aínda non celebrara o seu primeiro aniversario, Arctic Monkeys publicaba R U Mine? inmediatamente antes de comezar a súa xira estadounidense con The Black Keys. Daquela non o sabiamos, mais R U Mine? foi o primeiro adianto de AM, o quinto disco da banda que chegará o próximo 9 de setembro.

R U Mine? é un tema de guitarras sucias e afiadas, con claras influencias de Queens of the Stone Age. Mais adiante escoitariamos, na mesma liña, Do I Wanna Know?, o oficialmente primeiro single de AM. Unha vez mais, todo parecía indicar que neste álbum primaría o rock pesado, mais hai unhas semanas filtrouse Why’d You Only Call Me When You’re High?, cercano ao R&B, para nos desfacer os esquemas.


Alex Turner confesaba en xullo a NME que AM «soará a Dr. Dre», e é que poucos estilos estilos lle quedan por tocar a esta banda. Lembro que hai anos, Matt Helders, o batería, aseguraba que o seu propósito era converter aos Monkeys nunha banda de heavy. Será ese o próximo paso? Será o sexto traballo da banda un disco de rock duro? Falamos nun par de anos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario