lunes, 11 de junio de 2012

O novo disco de Muse xa ten data, nome e trailer de adianto


Hoxe por hoxe Muse son, a nivel internacional, os reis do rock máis ou menos comercial. Isto non implica que sexan necesariamente os mellores (poderíamos discutilo durante horas sen chegar a un acordo), os que máis venden, nin os de maior recoñecemento, pero o certo é que están a pasar por un momento dificilmente mellorable en tódolos aspectos: hai poucos recintos que lles queden grandes (o pasado ano encheron ata a bandeira o Monte do Gozo como cabezas de cartaz do Xacobeo só uns meses despois de facer o propio no Vicente Calderón) e cada novo disco que lanzan é un éxito seguro.
O vídeo que abre esta entrada é o trailer do seu novo disco, que levará por título The 2nd Law e que sairá o próximo 17 de setembro. Como podes comprobar no avance, o son instrumental co que experimentaron no seu anterior álbum, The Resistance, segue presente. Máis novidoso é o son da segunda metade do vídeo, bastante preto do dubstep. Sorprende pero non deixa de ser unha evolución lóxica para un grupo que sempre tivo pequenas incursións na electrónica e que está reinventándose, buscando novos estilos, constantemente.
Agora toca agardar por máis detalles do disco e, sobre todo, por un single de adianto en condicións para comprobar cal será o son deste novo disco. O 20 de outubro, ademais, estarán no Palacio de los deportes de la Comunidad de Madrid presentando o novo lanzamento. Se tes intención de ir terás que ser rápido, pois as entradas, que sairán o próximo 14 de xuño, non durarán moito.

No hay comentarios:

Publicar un comentario